(Opinión)

Caminha ou reventa | A porta é de entrada ou é de saída

O menor dos males non é o ben.

Maquiavelo

Nalgún tempo cada unha destas estancias foi privada. A comunicación só era posible polo exterior. Por un patio de armas. Os percorridos eran algo así como os dos datos hoxe: é necesaria sempre unha referencia externa. Hai un terceiro lugar, remoto, onde están os datos accesibles para que nos poidamos chegar a eles. É un paradoxo, poñelos lonxe para que estean a man. Aquel dito de canteiros, de Ourense claro, “dálle pra alá pra que veña pra acá”. Pero quizais os invernos eran fríos ou arquitectura doméstica cambiou a favor dun uso máis comunitario dos conxuntos domésticos e entón abriron os espazos como unha forza política. Un pouco a machado. Os pasillos onde se fan os negocios e se deciden as dimisións. O ladrillo cocido non é unha especialidade de Lalín. Seica os latinos, todos menos Cicerón e Xulio César, traballaron este material para poder ter os seus adosados con vistas ao Tíber. Tamén era por presumir diante dos bárbaros canto máis barata e lucida eraa construcción romana.

A pesar diso, este pasillo feito tan á forza como a unidade popular, non é latino. Ésta moi ao norte de Polonia, nun territorio moi combatido onde seica comezou a segunda guerra mundial. Aínda que as guerras son máis ben como rematan e aquí non terminou. Alguén forzou o paso e a intimidade converteuse en materia común. A estas alturas non quedan no aire preguntas sobre canto de todo isto foi consultado. Nin canto suaron as persoas que tiveron que convertir o privado en público, que fixeron matemáticas de cuarto de EXB transformando varios subconxuntos nun conxunto baleiro.

O lugar é inhospito, como un cuartel de soldados sacrificados polos seus propios mandos. Sacrificados con esa idea de que toda guerra é un mal menor, esquecendo na xustificación que o menor dos males non é o ben.