(FOTOTEXTO)

1.300 Palabras (nome de sección)

Clases de amor no tempo da parodia

Foto: Nacho Gómez | Texto: Camilo Franco
Tiña outro título, pero dan bastante preguiza as obviedades. Deberiamos ser racionais e, sendo racionais, teriamos que pensar que a pandemia pasará pero a parodia non. Deberiamos ser racionais, pero quizais somos incapaces de superar o noso instinto animal e só podemos racionalizar ata ese punto no que desaparece a voz que nos aconsella dentro da cabeza. Entón xa só manda unha decisión infatigable e firme que non sabemos de onde vén. Esa decisión que está aí desde antes que o pensamento e que agora toma decisións como ir ás terrazas pero non mandar os cativos á escola por seguridade. Esa actitude anterior ás ideas que obriga as clases traballadoras a votar á dereita, porque a dereita sempre soubo tomar decisións en nome das clases traballadoras.
 
Hai algunhas decisións que a xente toma antes de pensar e non estou seguro de que o amor non sexa unha delas. A vantaxe da parodia é que sempre sucede despois do pensamento e, polo tanto, a parodia habitualmente é máis intelixente que o seu orixinal. Na imaxe temos unha parodia de dúas actitudes de antes do pensamento. As dúas son manifestacións de amor entre persoas. Aínda que antes das ideas só recoñezades unha. Non podemos afirmar que ese bico sexa verdadeiro. En Hollywood será aceptable. Pero como demostración de amor non hai nada que lle poida gañar, nin sequera Thelma & Louise, a ese amor constante, sufridor e xeneroso que as clases traballadoras senten polo coidado das clases altas. Un amor imposible que leva resistido épocas ilustradas e revolucións violentas. Un amor que soporta pandemias e carencia de electrodomésticos. Algo así, permanente, infatigable e resistente só pode ser amor. E sabemos que está aí de antes do pensamento.

Se queres participar nesta sección, podes enviar as túas fotografías a este correo: oficina@pisofranco.gal.
Se envías imaxes serás recompensad@ con un ano de boa sorte. Se non envías iniciarase unha interminable cadea de fenomenos que ninguén saberá explicar pero que poderán ser considerados desgrazas na versión popular.