(Reportaxe)

Reporteirismo | Cultura | Yoko Ono en Serralves

Consignas dos sesenta, publicidade dos noventa

A culpa de todo

Cartel da expo de Yoko Ono en Serralves, Porto

Ou estamos maiores nós ou están maiores as consignas. Yoko Ono é “vítima” da súa biografía e na súa biografía aparece constantemente un nome que, ben entendido, supuxo case o contrario do que a artista propugnaba nos anos sesenta. John Lennon atrevesa a vida de Yoko Ono do mesmo xeito que Yoko Ono vive atravesada na biografía de Lennon. Non hai que lamentarse tanto. Eles decidírono así. A culpa foi deles.

I just belive in me
Yoko and me
And that’s reality
The dream is over

John Lennon

A performance máis grande, máis decisiva, máis influínte de Yoko Ono non está moi presente na mostra da Fundaçao Serralves. A pesar do tamaño da mostra e da resolución efectiva con que as pezas se axeitan aos espazos do museo. A perfomance máis decisiva e Yoko Ono, e unha das máis decisivas da cultura pop do século XX, está citada como un argumento lateral porque, argumentalmente, é unha historia contradictoria. e quizais necesite de algo máis de tempo para que poida ser vista en toda a súa dimensión.


A performance máis importante de Yoko Ono na súa vida foi casarse con un Beatle. Non polo que significa de parella a contracorrente, ou de vida excéntrica, ou de aplicación de determinados principios artísticos na vida diaria. A intervención foi subirse ao que era a finais dos sesenta o fenómeno cultural máis importante do século XX. Subir ás portadas dos xornais, aparecer nos programas de televisión máis importantes do mundo. Pasar, en máis dun sentido, do underground artístico á primeira liña planetaria da cultura popular.


Esa é a intervención. Non tivo que ser necesariamente planeada, pero nin ela nin el podían ser tan inxenuos para ignorar o alcance e a amplitude do asunto. Non podía ignoralo e algo da súa teimosía en conseguilo explica que si, que o sabían, que lles prestaba. Que era un reto e un desafío á socieade aínda que fose desde unha cama dun hotel carísimo.
Había algo de inxenuidade en todo, como desmostran algunhas cancións del e algunhas consignas dela. Pero non hai que saltarse o contexto dos anos sesenta e temos que lembrar que esa intevención de emparellarse supuxo sumar dúas forzas case contrarias nesa década: a cultural popular de The Beatles e os movementos contraculturais nos que se movía a artista. Eran forzas alimentadas de materiais moi diversos. Destinadas a públicos case contrarios. E casaron.

The Ballad of John and Yoko describe a persistencia con que os dous buscaron un xeito de casar a pesar de vivir na década do amor libre

Casaron e canto máis encirraban os defraudados pola parte del e os resabidos pola parte dela, máis insistían ambos en chegar a casar de branco en algún lugar no que os seus respectivos estados civís non fosen relevantes. En certo sentido, a insistencia foi outra demostración da capacidade performativa da parella e o seu paseo con remate en Gibraltar quería ser unha historia de amor moderno que en lugar de manobrar contra os pais tes encontra ao mundo enteiro. A parella non se botou atrás como Yoko Ono tampouco pestanexaba nas súas performances, nin cando considerou o desafinado como unha barricada contra o alienamento da música popular de éxito que tan ben representaba o seu home.


Nestas condicións é imposible non entender á parella Ono-Lennon com a performance máis grande do século XX. Unha intervención vital tan comprometida que comprometía dúas vidas e todas as vidas relacionadas con elas. Tan comprometida que chegou a comprometer ao grupo de música popular máis importante da historia.

Non acabou porque non quixemos

O instinto performático de Yoko Ono non naceu cando coñeceu a Lennon. Os texto insisten moito na carreira de Ono como artista antes de formar parte da Plastic Ono Band. E tiña unha carreira agromada nas marxes artísticas con pedigrí. Fundamentada nunha estratexia de provocación contracultural e en dúas tácticas básicas: intervencións e consignas. Non tiña que ser novidoso, tiña que ser chamativo e o foco de Ono como artista estaba centrado en sinalar os parodoxos dunha sociedade con mecanismos complexos de explotación e, sen embargo moito máis primitiva no uso das liberdades que nominalmente se consideraban dereitos. Ono non procedía do conflito de clases nin da amplísima parte non acomodada do planeta. Os paradoxos de Ono son case sempre os que ten unha sociedade despois de comer. Pero este tampouco é un elemento distintivo dos sesenta, cando percorreu o mundo unha certa ilusión de que o seguinte paso da sociedade xa non dependía do reparto da riqueza como da reconsideración do carácter e dos obxectivos dunha sociedade. A riqueza parecía alcanzada, o amor non.

Podería ser que esta fose a grande inxenuidade dos sesenta. En parte é unha inxenuidade narrativa. A riqueza non se alcanzar e desde logo non se alcanzara nada similar a un reparto inxusto pero non tráxico do reparto da mesma. É posible que os artistas dos sesenta manobraran con un punto de partida que aceptaba o espellismo como realidade. Conforme a década avanzou case todos os artista asumiron un proceso de radicalización (ou endurecemento) da súa mensaxe. O soño estaba acabando e non existía oasis no deserto.

A distancia entre o que Yoko Ono entendía como traballo artístico e o que Lennon entendía como arte era moi grande, pero tiñan certas pautas en común. Nos dous había un desexo de desafío e os dous estaban marcados pola súa época. É posible que a a historia diga que Lennon foi un dos artistas impulsor do cambio de época, pero o traballo musical de The Beatles, e o de Lennon dentro da banda, estivo moi lonxe das coordinadas musicais nas que se movía o traballo de Ono. O contexto xeral, o contexto dos sesenta non era, en cambio, tan distinto. Os sesenta foron para Occidente a fin dos pesadelos das guerras, o debú dunha xeración absolutamente protagonista que se encontrou cun fenómeno novo. A xuventude das seis xeracións anteriores fora sacrificada en guerras sucesivas. A xuventude anterior as guerras mundiais non tivera protagonismo como colectivo social.

Chegados os sesenta, a xuventude converteuse nun activo social decisivo. Acaparou o protagonismo da sociedade e, aínda máis, ser novo converteuse nunha virtude que competía con calquera outra na valoración social. Era un valor propio. Ser maior era un defecto. Na música, desde logo. Daí foi traspasando aos valores artísticos, aos literarios e tamén aos políticos. Nese panorama, os conceptos mudaron e contracorrente converteuse en corrente principal.

Yoko Ono comezou buscando os paradoxos. Lennon comezou no rock and roll. Ono acabou facendo consignas, Lennon escribindo himnos. As influencias mutuas serviron, máis alá de Revolutión 9, para un cruce singular que encontrou unha causa que era óptima para os dous: pacifismo. Amor si, guerra non. Give peace a chance, Peaces is power, Imagine.

En cada himno de Lennon hai un transfondo de inxenuidade. Non tanto que fose un inxenuo militante. Era máis que non encontraba outro ambiente para cantar así que cantar desde unha inxenuidade case recalcitrante. Tamén poderíamos dicir que era inocencia de non ser que as biografías existen. Yoko Ono quizais non foi inxenua na mesma dirección e seguramente hai poucas persoas no mundo que consideren que esta artista con tan mala prensa poida ter sido atravesada por ningún tipo de inxenuidade. E, sen embargo, hai algo de candor artístico en algunhas das propostas da exposición do Museu Serralves. É posible que Ono se vise atrapada no mesmo dilema de Lennón. Non é que auga en frascos con nomes de figuras históricas sexa unha peza inxenua, é que se non se aplica unha certa lente inxenua o resultado queda demasiado inmediato. Queda como unha interpretación curta do mundo. Como se non houbera malicia. Mellor: como se non quixeramos que o mal formase parte da explicación.


















Fragmento peza Yoko Ono en Serralves
John & Yoko be water

Exposición