A crítica non foi o peor do teatro galego
“A crítica non é o peor do teatro galego”. A frase é dun crítico de teatro, pronunciada contra finais da década do 2000 e, ao tempo de ter un carácter preventivo, encobre unha falsidade despachada como inxenua. Nesa altura, como agora, hai que entender que se algo non é o peor de algo é que os dous elementos forman parte dun mesmo conxunto. Pero non. A crítica nunca formou parte do conxunto teatral. Nos últimos corenta anos a crítica foi moitas cousas, pero nunca estivo integrada como parte dun sistema escénico demasiado centrado no inmediato. A crítica foi unha sospeitosa habitual, unha reclamación permanente, un argumento complementario para congresos, semanas, festivais, mostras e debates escénicos. Foi moitas cousas, pero nunca acabou de formar parte dun conxunto que a precisaba como altofalante pero non como unha xeradora de argumentario.